top of page

Bases

Destinatari@s e Requisitos

 

  • Poderá participar calquera persoa ou grupo de persoas relacionadas co ámbito escolar, incluíndo alumnado, profesorado, nais e pais e PAS. Os/As menores de 18 anos farano baixo a responsabilidade do seu titor ou titora legal.

  • O concurso está dirixido a todos os niveis educativos: Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional, Universidade e Escolas Audiovisuais.

  • Aceptaranse videocreacións (ficción ou documental) de duración preferentemente non superior ós 20 minutos.

  • A temática e lingua dos traballos será libre, aínda que se valorará o uso do idioma galego, a sensibilidade medioambiental e social e o respecto ós dereitos dos animais.

  • Terase en conta que as imaxes e audios dos traballos sexan propiedade dos autores do vídeo, quen consenten na divulgación do material na rede, sempre co recoñecemento da súa autoría e dos seus dereitos (recoméndase que os rexistren baixo licenza Creative Commons). De non ser material propio, recoméndase que os recursos utilizados sexan de código aberto (CC). Se se empregan recursos con dereitos de autor, a responsabilidade de uso dos mesmos recaerá sobre os creadores da peza audiovisual.

  • Aceptaranse traballos realizados nos últimos 3 anos sempre que non se presentaran en edicións anteriores do concurso.

  • Os traballos deberán estar accesibles a todo o público en Internet, aloxados en Vimeo ou en Youtube.

 

Categorías

  • Na edición actual establécense 7 categorías de premios que están directamente relacionadas co material Aprendo con Olloboi que se presentará o 9 de xuño:

    1. Olloboi Interpretación: onde se valorará unha boa dirección de actores e/ou un reparto ben escollido, evidenciándose na naturalidade ou adecuación das interpretacións

    2. Olloboi Montaxe: o que amose unha edición mellor planificada, sexa esta narrativa, expresiva, fragmentada, de continuidade...

    3. Olloboi Fotografía: onde se valorará o emprego das leis de composición visual (respectándoas ou conculcándoas cun fin determinado), a escolla da paleta cromática, etc.

    4. Olloboi DJ: a mellor sonorización e/ou interpretación musical, orixinal ou versión.

    5. Olloboi Guión: o mellor texto orixinal, onde se primará a existencia de personaxes e situacións verosímiles. Terase en conta a comicidade.

    6. Olloboi Arte e estética: onde se terá en conta a construción de escenarios, vestiario e maquillaxe. Terán especial cabida nesta categoría as animacións, Stop Motion, Time Lapse, etc.

    7. Olloboi Zamburrioi: premio especial concedido pola Asociación Olloboi.

 

Premios e Xurado

  • A contía dos premios determinarase en función do patrocinio ou axudas acadadas.

  • A Organización resérvase o dereito a declarar deserta unha ou varias das categorías, así como a engadir categorías novas ó longo do desenvolvemento do festival.

  • O Xurado estará constituído por membros da Rede Cómplice de Olloboi, da que se informará ó longo do desenvolvemento do concurso e que se poderá consultar en olloboi.com. Procurarase ter no mesmo a representantes do mundo docente e do audiovisual profesional.

 

Fases do Festival

  • O festival desenvólvese nas seguintes fases:

    1. Inscrición de traballos en olloboi.com ata o 26 de maio

    2. Encontro Olloboi 2017 (9 de xuño, lugar a determinar)

 

Inscrición de traballos

  • Os/as participantes rexistraranse en olloboi.com indicando un correo electrónico válido que a organización utilizará para futuras comunicacións sobre a súa participación no concurso.

  • Cada participante poderá inscribir tantos traballos como desexe

  • Para inscribir un traballo haberá que introducir a seguinte información:

    1. Dirección do vídeo en Internet: URL de Vimeo ou Youtube a través da que se pode acceder ao vídeo.

    2. Título do traballo.

    3. Descrición: onde se recomenda incluír unha breve sinopse, os créditos, e calquera outra información pública que poida ser de interese para a audiencia.

    4. Nivel Educativo: ao que pertence maioritariamente o equipo que elaborou o traballo (Infantil, Primaria, ESO, etc.).

    5. Centro educativo: colexio, instituto, escola, facultade, etc. de procedencia do traballo.

    6. Responsable do centro educativo: especialmente no caso de traballos presentados por alumnado menor de idade, e para facilitar a validación dos mesmos por parte da organización, recoméndase proporcionar os datos dun profesor ou profesora do centro que avale ou coordine o traballo e que poida actuar de interlocutor do centro con Olloboi.

​​

Outras disposicións

  • Calquera cuestión que poida xurdir ó longo do desenvolvemento do festival e que non estea reflectida nestas bases será resolta pola organización do festival, e comunicada o mellor e máis orixinalmente que se vaia podendo :)


Sorte e a crear!!

bottom of page